Onde estamos?:
Cervo está situado no norte da provincia
de Lugo, na zona costeira que coñecemos como A Mariña Lucense; trátase
dun concello que consta dunha extensión de 78 quilómetros cadrados
divida en seis parroquias: Castelo, Rúa, San Román de Vilaestrofe,
Sargadelos e Lieiro, todas elas cunha beleza paisaxística singular.
Cervo
ten fermosas praias como a de Rueta, nas inmediacións da capitalidade e
praias tranquilas e cómodas no corazón da vila de San Ciprián, tamén
coñecida como “A Península da Paz”.
Pero
neste concello combínase o sabor mariñeiro coa paisaxe rural do
interior de Galicia. Os seus núcleos máis afastados da costa teñen
características de zonas de montaña, o que propicia unha rica variedade
paisaxística, aínda que o clima suave e húmido durante todo o ano
garante unha vexetación sempre verde e exuberante.
Cervo
está asociado a un dos proxectos empresariais máis antigos e de máis
renome en Galicia: Sargadelos. Dende a súa época máis remota na que
funcionaba como fundición e fábrica de municións para o Estado ata
chegar a ser un dos maiores produtores de cerámica de España. Despois de
anos de abandono, o empuxe de Isaac Díaz Pardo reviviu o seu prestixio
grazas á produción de calidade decorativa, inspirada en motivos
artísticos e naturais da propia terra.
En época máis recente, a
industrialización deste territorio cobrou un novo impulso coa
instalación dun dos máis grandes centros de fabricación de aluminio de
Europa, o complexo de ALCOA en San Ciprián, do cal se sustenta a maior
parte da comarca da Mariña Lucense.

Todos estes factores combinados coa tradicional dedicación á pesca e á
construción de pequenos navíos, así como a incipiente actividade
turística permite aos seus habitantes gozar dunha elevada calidade de
vida que se pon ao servizo do visitante.