mércores, 13 de maio de 2026

PEZAS ÚNICAS ENTREGADAS AO MUSEO DO MAR


Neste momento do curso académico, temos a actividade de creación das Pezas Únicas, onde cada neno/a deseña a súa para agasallar a todo aquel que se acerque (ao longo deste ano) ao Museo do Mar de San Ciprian. Este ano a maioría das aulas quixeron dar a coñecer unha tarefa moi importante e divulgala por todos os arredores:

COIDEMOS O PLANETA!!!

martes, 5 de maio de 2026

ENERXÍAS RENOVABLES: experimentamos e divulgamos.


O equipo de Voz Natura impulsou ao longo deste curso a actividade “Diario de experimentos”, integrada dentro do proxecto “Voces verdes: protexe o planeta, axuda ao futuro” e no programa de agrupacións escolares “Cada gota cuenta”. A través desta proposta, o alumnado deseñou e realizou distintos experimentos relacionados co cambio climático, o coidado da auga e as enerxías renovables, fomentando a aprendizaxe activa e a experimentación directa.

Entre as experiencias desenvolvidas destacaron a simulación do efecto invernadoiro, a contaminación acuífera, a creación de filtros para depurar auga contaminada e o estudo do impacto do aceite no mar. A actividade tivo como finalidade promover a conciencia ambiental, a responsabilidade cidadá e os hábitos sostibles, ao tempo que se desenvolveron competencias científicas e de comunicación.

Como peche da actividade, o alumnado de 6º compartiu os resultados e conclusións dos seus experimentos co alumnado de 2º, actuando como pequenos divulgadores científicos e favorecendo a aprendizaxe colaborativa.

mércores, 22 de abril de 2026

LAND ART nos patios do CEIP de Cervo.


Con motivo da celebración do Día da Nai Terra, no CEIP de Cervo poñemos en marcha unha nova proposta para dinamizar os patios da man dos equipos de Voz Natura e Actividades Extraescolares: Land Art no recuncho de Pepe.

Ao longo de diferentes tramos horarios, o alumnado gozou dun espazo de creatividade empregando materiais naturais recollidos no entorno, como paus, pedras, follas, pétalos, flores ou mazorcas. Unha forma de conectar coa natureza desde o respecto e a imaxinación.

As creacións foron sorprendentes, cheas de cor e orixinalidade, demostrando que a arte tamén pode ser unha ferramenta para valorar e coidar o noso planeta. Unha fermosa maneira de render homenaxe á Terra e lembrar a importancia de protexela cada día .

martes, 21 de abril de 2026

RECOLLEITA DE REPOLO E COLIFLOR

 

O alumnado de infantil e primaria participou nestes días na recolleita dos produtos cultivados durante o inverno no invernadoiro escolar. Repolos e coliflores foron os protagonistas desta actividade, na que os nenos e nenas puideron comprobar o resultado do seu traballo e coidado da horta ao longo dos últimos meses. 

Posteriormente fixeron uso do composteiro para a recollida de restos orgánicos.

martes, 14 de abril de 2026

RECOLECTAMOS PATACAS DO INVERNADOIRO


Coa limpeza do último bancal no invernadoiro, o alumnado de Infantil levou unha gran sorpresa: descubriron unha planta… que tiña patacas!

Con moitísima ilusión, puxéronse mans á obra e recolleron a súa pequena colleita. Foi un momento cheo de emocións e aprendizaxes, xa que hoxe descubriron que tamén hai froitos que medran baixo terra.

Esta experiencia achegounos, unha vez máis, aos segredos da natureza, espertando a curiosidade e o respecto polo que a terra nos ofrece.

xoves, 9 de abril de 2026

SAÍDA E LIMPEZA DO ENTORNO NATURAL DE SARGADELOS


Gústanos coidar o entorno natural que nos arrodea, e así o demostramos nunha saída a pé ao entorno natural de Sargadelos co alumnado do 1º e 2º ciclo de primaria.

Aproveitando esta experiencia, colaboramos na limpeza e recollida de lixo da zona, contribuíndo a conservar este espazo tan valioso. Ademais de gozar da natureza, o alumnado puido comprobar de primeira man a importancia de respectala e coidala.

Con pequenos xestos como este, aprendemos que o medio ambiente é responsabilidade de todas e todos, e que só así poderemos seguir desfrutando del e compartíndoo no futuro.

mércores, 8 de abril de 2026

PLANTACIÓN DE CENORIAS.

 

Hoxe queremos destacar o gran traballo dos nenos e nenas de Infantil, que se converteron en pequenos horteláns por un día. Propuxéronse plantar cenorias… e así o fixeron!

Primeiro, organizaron o espazo marcando o lugar de plantación con rolos de papel, unha forma sinxela e sostible de delimitar cada semente. Despois, con moito coidado, plantaron as sementes directamente na terra do bancal.

Para rematar, regaron con mimo e responsabilidade, deixando todo listo para comezar o proceso de crecemento. Agora só queda unha parte moi importante: agardar con paciencia e seguir coidando.

Unha experiencia que lles achega á natureza e lles ensina o valor do esforzo, do respecto e dos tempos que marca a terra

xoves, 26 de marzo de 2026

LIMPEZA DAS XARDINEIRAS DO PATIO.


Seguimos dando vida ao noso blogue de Voz Natura con novas accións a favor do coidado do entorno. Nesta ocasión, o alumnado de 3º de primaria foi o encargado de levar a cabo a limpeza e preparación das xardineiras que adornan o patio escolar.

Con moito coidado e ilusión, retiraron restos de plantas secas, limparon a terra e deixaron todo listo para futuras plantacións. Esta actividade permitiulles coñecer mellor o proceso de mantemento dos espazos verdes e a importancia de coidalos día a día.

Ademais, aproveitaron para reflexionar sobre o valor da natureza no noso entorno máis próximo e a responsabilidade que todas e todos temos na súa conservación.

luns, 23 de marzo de 2026

BRIGADAS VERDES MARZO


Coidar do noso entorno é unha responsabilidade compartida que comeza nos pequenos xestos do día a día. No noso centro, o alumnado do 3º ciclo demóstrao coa súa participación nas Brigadas Verdes, unha iniciativa que promove o respecto e o coidado do espazo común, e na que todo o centro está implicado.

A través destas accións, o alumnado toma conciencia de que cada pequeno xesto conta e que o coidado do medio ambiente depende da implicación de todas as persoas. Construír un patio limpo é tamén construír un futuro máis sostible.

MACETAS AUTORREGO RECICLADAS


No noso espazo de Voz Natura, o alumnado do 1º ciclo de primaria elaborou macetas de autorrego con materiais de refugallo como botellas de plástico. A actividade permitiulles aprender de forma práctica a reutilizar e reducir residuos.

Ao mesmo tempo, reflexionaron sobre o consumismo innecesario, entendendo que non sempre é preciso mercar cousas novas para crear. Con imaxinación, moitos obxectos poden ter unha segunda vida.

Co coidado das plantas, tamén reforzan o seu vínculo coa natureza e a importancia de protexela. Pequenos xestos que axudan a construír un futuro máis sostible 

sábado, 21 de marzo de 2026

RANATURA E O MISTERIO DAS ÁRBORES DO PATIO.

 



Os espazos verdes no noso cole están cheíños de árbores e arbustos e para dalos a coñecer un pouco máis, a nosa mascota Ranatura organizou, como actividade para conmemorar o día da árbore, un roteiro con búsqueda de pistas entre todas elas. Os nenos e nenas, organizados por grupos de todos os niveis, tiveron que seguir indicios para atopar distintas especies. Cada pista lévaos a observar follas, troncos, froitos ou cheiros. Aprenderon a diferenciar plantas comúns do seu entornomáis próximo. 

A actividade combinou xogo, exploración e aprendizaxe activa, fomentouse o traballo en equipo e a curiosidade pola natureza. Descubriron que no seu propio patio hai unha gran diversidade, reflexionamos sobre a importancia de coidala e respectala e entenderon que coñecer as especies é clave para poder protexelas.

Foi unha experiencia divertida e educativa en contacto directo coa natureza.